Adxudicadas as obras da promoción Alta 8-14

Permitirán a próxima chegada á zona de cinco novas familias

O Comite Executivo do Consorcio Casco Vello de Vigo, reunido esta mañá baixo a presidencia de Ana Ortiz Alvarez, adxudicou as obras da súa promoción Alta 8-14 á empresa Omain Construcción Sostenible S.L. A obra, cun orzamento de execución de 1.427.958,87 euros, permitirá a creación de cinco novas vivendas, distribuídas en planta baixa e tres alturas, con superficies que van desde os 69 ata os 113 metros cadrados. Catro das novas vivendas contarán con tres dormitorios, unha con dúas e todas elas terán un rocho.

A edificación se levará a cabo segundo o proxecto presentado en xuño de 2025 polo arquitecto Francisco Javier Vázquez Fernández, e levantarase sobre a agrupación de catro pequenos solares adquiridos en 2022 polo CCVV. A superficie total construída do edificio será de 734 metros cadrados, aos que hai que sumar un patio de 39,30 metros cadrados.

As obras desta nova promoción, a primeira acometida polo Consorcio nesta rúa do Casco Vello Baixo, moi próxima á Porta do Sol, desenvolveranse ao longo deste ano e principios do próximo, prevéndose que ao longo do primeiro semestre de 2027 poidan acceder ás cinco novas vivendas as familias que resulten adxudicatarias das mesmas.

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.