Aberto o proceso de adxudicación das obras de Ferrería 8

O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publicou na súa edición de onte  o anuncio  que pon en marcha o proceso de adxudicación das obras da rehabilitación da promoción Ferrería 8, no Casco Vello de Vigo.

O anuncio recolle todos os condicionamentos técnicos e  profesionais  que han de cumprir as empresas que opten á execución deste proxecto, que conta cun orzamento base de licitación de 172.550 €, aos que hai que sumar o Ive correspondente.  A tramitación desenvolverase na modalidade ordinaria e en procedemento  aberto, adxudicándose a obra á proposta máis vantaxosa en función de todos os parametros establecidos no prego de condicións. O prazo de execución das obras unha vez adxudicadas será de doce meses. Todas as condicións técnicas e económicas deste procedemento poden ser consultadas en apartado de “perfil do contratante” da páxina web do Consorcio Casco Vello de Vigo.

 

O proxecto tenta aproveitar ao máximo a luz solar.

 

Ferrería 8 permitirá crear unha nova vivenda de carácter unifamiliar na zona alta do Casco Vello de Vigo, cunha superficie total de case 180 metros cadrados, dos cales teñen a categoría de útiles 120. A vivenda distribúese en tres plantas (semisotano -que inclúe un estudo- , planta baixa e planta primeira); o PEPRI Casco Vello de Vigo non cataloga este inmoble como elemento a protexer, pero aínda así o proxecto de construción optou pola conservación dos muros de sillería existentes, así como da distribución dos vans e ocos actuais. Tamén se integra no proxecto unha cheminea que percorre as tres alturas e que é o único elemento interior do edificio que se conserva , xa que o seu pésimo estado de conservación aconsellou o seu baleirado interior no momento da adquisición por parte do CCVV, entidade integrada nun 90 por cento polo Instituto Galego de Vivenda e Solo e nun dez por cento polo Concello de Vigo.  Este novo proxecto pecha un dos bloques de vivendas existentes na zona da Ferrería polo que tan só una das súas paredes é medianeira doutro edificio, en tanto que presenta tres fachadas abertas, dúas delas á rúa Ferrería e outra a Baixada á Herba. Esta distribución foi especialmente valorada na redacción do proxecto nun intento de aproveitar ao máximo a achega de luz natural. Outra característica destacable no proxecto que agora se adxudica é o intento de reducir a compartimentación de cada unha das plantas, co obxecto de potenciar o seu carácter diáfano e minimizar a perda de superficie útil derivada da irregularidade do solar.

Ferrería 8 súmase á nova orientación das actuacións do CCVV que, na medida do posible, potenciará as vivendas de maior superficie, xa que se trata dunha das principais peticións dos demandantes das promocións deste organismo rehabilitador. De forma inminente anunciarase a posta en marcha do proceso de adxudicación da promoción Cruz Verde 8, que se axusta a esta mesma formulación.

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.