Aberta a convocatoria para a solicitude de axudas á rehabilitación do CCVV para edificios, vivendas e locais comerciais do barrio histórico
- As bases do programa do organismo para este ano 2011 xa foron publicadas no BOP e os interesados poden solicitar a subvención a partir de hoxe
- O Programa de Actuacións en Edificios, Vivendas e Locais Comerciais conta con 200.000 euros, fronte aos 150.000 euros outorgados durante ano pasado
Vigo, 17 de febreiro de 2011.- A convocatoria de axudas á rehabilitación do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) xá está aberta, logo da publicación no Boletín Provincial de Pontevedra (BOP Nº 32 do 16/02/2011). Os particulares do barrio histórico poden solicitar xa a subvención para as reformas oportunas nos edificios, vivendas e locais comerciais do Casco Vello. O prazo para formalizar as subvencións remata o vindeiro 23 de marzo.
O Programa de Actuacións en Edificios, Vivendas e Locais Comerciais do CCVV, operativo dende hai cinco anos, conta nesta ocasión con 200.000 euros, fronte aos 150.000 euros outorgados o ano pasado. As axudas están destinadas ás obras de rehabilitación tanto no exterior coma no interior dos inmobles da zona antiga de Vigo.
Foi nun recente Consello de Administración do CCVV cando se aprobou o incremento de 50.000 euros para paliar a desaparición doutro programa que o organismo -participado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello de Vigo- mantiña coa colaboración da Concellería de Patrimonio Histórico e que co nome de Programa de Fachadas e Cubertas estivo destinado ás obras de rehabilitación específicas en fachadas e cubertas. Precisamente, a supresión do programa da Concellería de Patrimonio Histórico fará que o propio programa do CCVV asuma tamén a rehabilitación nas fachadas e cubertas dos propietarios que o soliciten.
Dende a constitución do Consorcio Casco Vello de Vigo, o organismo otorgou preto dun millón de euros -960.365,50 euros- en subvencións económicas para os programas de axudas á rehabilitación e recuperación de edificios. En total foron 88 as actuacións levadas a cabo a través destes programas.