A Xunta investirá 1,5 millóns de euros nas novas dependencias do Rexistro Civil no Casci Vello
- Alfonso Rueda e María José Bravo Bosch visitaron esta mañá os dous inmobles que vén de adquirir a Xunta para situar neles as dependencias
- O proxecto xa está encargado e agardase contar con el en menos dun mes e inmediatamente proceder a licitación das obras
Vigo, 16 de maio de 2012.- A Xunta de Galicia investirá un total de 1,5 millóns de euros en trasladar ao Casco Vello de Vigo o Rexistro Civil, contribuíndo deste xeito a dinamizar esta zona da cidade, dotando ao servizo das dependencias que precisa e gañando espazo nos edificio dos xulgados, onde está situado actualmente.
O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e a delegada da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, visitaron hoxe os inmobles onde se situará o rexistro, acompañados do xuíz decano da cidade, Germán Serrano. Trátase dun edificio situado na rúa Abeleira Menéndez, xa rehabilitado polo Consorcio do Casco Vello, no que se utilizará o baixo, que conectará co edificio que o Goberno galego construirá na parcela situada na rúa San Sebastián.
O conselleiro e a delegada territorial celebraron o paso adiante que supón a adquisición dos inmobles ao Casco Vello e anunciaron que xa está encargado o proxecto para a actuación e que agardan contar con el en menos dun mes, para despois proceder a súa licitación. O prazo de execución das obras está estimado en doce meses.
A nova edificación terá uns 550 metros cadrados distribuídos en planta semisoto, baixa e primeira e unirase co baixo xa rehabilitado, sumando máis de 600 metros cadrados destinados a uso do Rexistro Civil e comunicando ambas rúas da parte alta do barrio histórico da cidade.
Beneficios do traslado Precisamente esa foi unha das vantaxes do traslado que destacou hoxe o conselleiro, que se amosou convencido de que a obra contribuirá a recuperar unha zona histórica, dentro da importante labor de rehabilitación que está a realizar o Consorcio do Casco Vello para que o lugar volva a ter vida e ser atractiva para veciños e visitantes.
Ademais veranse beneficiadas as máis de 200 persoas pasan a diario polas dependencias do Rexistro, así como os seus case 20 traballadores, xa que todos eles contarán cunhas mellores dependencias á hora de realizar trámites nelas, algo moi habitual tendo en conta a importancia deste servizo.
Durante o pasado ano, o Rexistro Civil de Vigo rexistrou 4.108 matrimonios civís, así como 5.914 nacementos, 4.108 defuncións e 250 tutelas, o que supoñe a práctica de 12.075 inscricións no ano 2011.
En último lugar, o titular de presidencia subliñou que o traslado do Rexistro Civil permitirá liberar máis de 500 metros cadrados de espazo nas actuais dependencias dos xulgados, que ata o de agora se atopaban ao límite da súa capacidade.