A presidenta do CCVV visitou as obras de rehabilitación da igrexa de San Francisco e da Casa da Caridade, onde o ente investiu máis de 100.000 euros
Vigo, 24 de setembro de 2010.- A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello, Lucía Molares, visitou esta mañá as obras de rehabilitación que se están a realizar na igrexa de San Francisco de Asís ademais dos traballos xa rematados na Casa da Caridade a cargo dos dous programas de axuda á rehabilitación que ten o organismo vigués, participado nun 90% pola Xunta de Galicia e no 10% restante polo Concello de Vigo, e que ten coma obxectivo recuperar e dinamizar o barrio histórico da cidade dende a súa creación hai xa cinco anos. Durante a visita ás instalacións, Molares, que estivo acompañada polo xerente do CCVV, Alfonso Ramos, así como pola directora da Casa da Caridade, María Ángeles Oviedo, e o padre Miguel Ángel Cayo, comprobou in situ o estado das obras de reforma, que foron subvencionadas con máis de 100.000 euros a través de varias convocatorias dos programas de axuda á rehabilitación que ven xestionando o Consorcio Casco Vello. Así, en declaracións aos medios, a presidenta do CCVV informou que os traballos que se están a acometer na igrexa de San Francisco de Asís, dirixido polos Frailes Menores, contan cunha axuda de case 19.000 euros, concedida na última convocatoria, para remodelar a cuberta do inmoble e corrixir así as súas deficiencias. Esta subvención pode ser superior e chegar aos 40.000 euros se á obra se lle concede a excepcionalidade debido a situación do edificio no entorno urbano e ao seu interese arquitectónico e histórico. Trátase da segunda axuda que reciben os frailes franciscanos para levar a cabo traballos de recuperación do inmoble xa que a entidade contou con outra axuda de case 7.000 euros para rehabilitar as fachadas do edificio. Molares visitou tamén as instalacións da Casa da Caridade, que leva máis dun século atendendo ás persoas máis desfavorecidas da cidade de Vigo, e que na última convocatoria de axudas recibiu un total de 80.000 euros a través do Programa de Actuacións en Edificios, Vivendas e Locais Comerciais e do Programa de Fachadas e Cubertas, que se desenvolve en colaboración coa Concellería de Patrimonio Histórico. Os traballos feitos na Casa da Caridade consistiron na rehabilitación de tres cubertas substituíndo a tella por outra nova instalada sobre pranchas de fibrocemento, así como na limpeza, saneamento e pintado dos muros interiores exteriores. Non é a primeira vez que o CCVV subvenciona obras de recuperación na Casa Caridade xa que nas convocatorias anteriores concedéronselle máis de 9.200 euros para outras reformas menores de rehabilitación do inmoble. A presidenta do CCVV aproveitou a visita para percorrer as instalacións do Patronato Casa da Caridade e destacou así a labor exercida pola institución na cidade viguesa, amosando o seu desexo de seguir colaborando “no necesario” para atopar a recuperación que aínda necesitan as súas dependencias. Historia da Casa da CaridadeA Casa da Caridade leva máis dun século atendendo ás persoas máis desfavorecidas da cidade de Vigo. Na actualidade, esa función lévase a cabo no comedor da Esperanza, no que serven máis de cen xantares diarios e, mediante o Fogar San José -centro colaborador da Xunta de Galicia- no que conviven en diferentes rexímenes -internado ou atención integral de día- un total de 36 nenos. Durante este verán, o comedor da Esperanza logrou cotas puntuais de 150 xantares ao día. Xestionada por un total de dez irmás pertencentes á congregación das Fillas da Caridade de San Vicente de Paúl, a Casa da Caridade ademais de ofrecer o xantar diario aos mais necesitados e prestar atención aos menores con familias desestructuradas, tamén conta cun servizo de ducha para indixentes así como un servizo de roupa para quen o requira. A Casa da Caridade de Vigo aséntase sobre o que fora o Convento de San Francisco, sito no Casco Vello dende o século XVII. Coidadores de BarrioA preguntas dos medios de comunicación sobre o servizo do Coidadores de Barrio do Casco Vello, a presidenta do Consorcio recordou o acordo ao que se chegou no Consello de Administración do pasado 27 de maio, polo que se acordou prorrogar o servizo ata o 30 de setembro, quedando pendente a posibilidade de amplialo durante dous meses máis –ata o 30 de novembro- sempre e cando a Concellería de Patrimonio Histórico aportara os recursos financeiros que suporía a ampliación do programa durante outubro e novembro e que chegan a unha cantidade de 60.000 euros. “O noso compromiso remataba en setembro, polo que o Concello de Vigo debe proporcionar os recursos necesarios para pagar aos Coidadores antes de que remate este mes”, dixo Molares. “Aínda teñen uns días para facelo e esperamos que o poidan facer e asumir ese compromiso ata novembro”, engadiu.