A presenza feminina na pintura e un recital poético inician a actividade cultural do Casco Vello no ano que comenza

O comité vigués da sociedade Dante Alighieri e a asociación cultural Évame Oroza organizan mañá senllos actos

Tras a paréntese festiva do Nadal a actividade cultural volve ao Casco Vello coa realización de senllos actos que terán lugar mañá, venres 10 de xaneiro.

O primeiro deles está organizado polo Comité de Vigo da Sociedade Dante Alighieri que, grazas á colaboración da súa asociada Rosa Elvira Caamaño, organiza un breve ciclo de conferencias sobre a presenza feminina na arte. A primeira delas desenvolverase mañá, a partir das 19:00 horas, na Biblioteca Pública Juan Compañel (Rúa Joaquín Yáñez, 9) . O tema que se abordará é o de “Pintoras medievais e renacentistas”.

Rosa Elvira Caamaño Fernández é doutora en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid, Académica da Academia Archeológica de Roma e foi profesora titular de Técnicas Pictóricas na Facultade de Belas Artes de Pontevedra; ademais, á súa faceta académica suma a súa condición de pintora que lle levou a participar en varias exposicións colectivas e individuais nas que obtivo diversos recoñecementos.

Évame Oroza

Por outra banda, a sede da Asociación Cultura Évame Oroza no Casco Vello (Subida a Costa, 5) realizará mañá o primeiro dos seus actos culturais do ano que agora comeza. Correrá a cargo da poeta Iria Medraño que ofrecerá un recital de poesía cantada e recitada a partir de textos incluídos no seu segundo poemario, titulado “Do Azul”. O acto comezará ás 19:30 horas.

Iria Medraño González (Vigo, 1978), que se recoñece como unha gran amante da natureza, ten unha fonda raíz que a une desde a infancia ao canto e a música tradicional galega. Escribe poesía e prosa como un acto íntimo para ordenar o mundo, as súas vivencias e a súa sensibilidade. Publicou o libro de relatos “O paso sen porta” e os poemarios “Da raíz do corazón” e “Do Azul” ademais de dúas barallas de cartas con mensaxes profundas e poéticas.

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.