A música e a poesía de Aute e Oroza encherán o proximo sábado o Casco Vello Alto
Vigo, 12 de septembro de 2019.- A praza da Subida a Costa (popularmente Praza do Abanico) acollerá o vindeiro sábado, a partir das 21,00 horas, unha nova actividade na súa xa ampla traxectoria como punto de encontro cultural na zona alta do Casco Vello de Vigo. Nesta ocasión a Editorial Elvira e a Asociación Casco Vello Alta uniron as súas forzas para presentar o libro “Aute canta a Oroza”, editado recentemente pola empresa viguesa e que recolle unha serie de poemas do escritor galego musicados polo cantautor Luís Eduardo Aute, declarado admirador da poesía do vate de Vivero.
O acto incluirá a audición de varios deses textos, a proxección de vídeos recollendo distintos momentos da elaboración do proxecto e a lectura de varios poemas do poeta, falecido en Vigo en 2015, a cargo de Ledicia Costas, Susi da Torre, Toñi Caseiro, María Lado e Montse Copa.
Este mesmo escenario, e outros puntos do Casco Vello Alto, acollerán ao longo das próximas semanas varias actividades festivas máis, de acordo co obxectivo da asociación organizadora de converter a esta zona nunha referencia cultural e cidadá.