A lonxa do Berbés

O Berbés é un porto de referencia mundial: factura centos de millóns de euros e posúe a lonxa de peixe conxelado máis importante do mundo e a máis importante de Europa, no que ao peixe fresco se refire.

Á pesca están vinculados decenas de sectores económicos diferentes, entre os que se atopan os envases e embalaxes, o transporte ou servizos de reparación naval. Polo tanto, non é de extrañar que a pesca en si mesma sexa un sector que mova centos de millóns de euros e que en Galicia sexa un dos máis importantes.

Pero, dentro de todo ese sector e todos aos que está vinculado, destaca o porto de Berbés, o porto pesqueiro de Vigo, tan antigo coma a propia cidade. E é que, a día de hoxe, é xa toda unha referencia mundial: temos na nosa cidade a lonxa máis importante do mundo no que se refire a peixe conxelado e a máis importante de Europa en canto a peixe fresco.

Cada día saen do porto centos de camións cargados de peixe dispostos a encher os mercados españois. Curiosamente, tan só unha mínima parte do marisco e peixe que se poxa aquí queda en Galicia.

Pero ademais de ser tremendamente importante para a economía, tamén é unha peza fundamental no turismo de Vigo. A lonxa do Berbés é un gran atractivo turístico, tanto por toda a actividade que se xera nela coma polos seus protagonistas: os mariñeiros.

Como din desde Turismo de Vigo, estes vigueses nacidos no Vigo máis mariñeiro, encantaron a Hemingway porque, segundo el, cheiraban a salitre. Algún encanto tiñan que ter, non credes? A fin de contas, son os que enchen de humanidade á lonxa do Berbés.

E se queredes comprobalo vós mesmos, animámosvos a que consultedes na Oficina de Turismo de Vigo a posibilidade de visitar a lonxa e vivir en directo as apaixoantes poxas de peixe fresco.

 

 

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.