A fotógrafa e poetisa Sol Mariño expoñerá a súa obra a partir do venres na sede de Évame Oroza
Vigo, 7 de febreiro do 2024.- A exposición da fotógrafa e poetisa Sol Mariño “Nada me pertence, tudo faz parte de min”, será inaugurada o vindeiro venres, día 9, a partir das sete e media da tarde, na sede que a asociación cultural Évame Oroza ten no Casco Vello Alto (Subida a Costa 5). Con este motivo, e a partir desa hora, desenvolverase un evento cultural denominado “Ás alas de serpe” que unirá a poesía de Sol Mariño coas interpretacións musicais de Pablo Caamiña (zanfona) e Marta Seco (violín).
Na mostra fotográfica “Nada me pertence, tudo faz parte de mín”, que poderá ser visitada de luns a venres, entre as 16:30 e as 20:00 horas, ata mediados de marzo, Sol Marino recolle un percorrido vital no que a colleita da mirada devórase e fai camiño. Pegadas dunha autobiografía en analóxico, que vai desde o 2011 ao 2022, trazando círculos entre a Galicia e Brasil, os bosques, o alimento, o territorio e o fogar, fóra e dentro do corpo. A mostra vincúlase profundamente co seu poemario “As alas da serpe”.
Sol Mariño (1986), formada en Comunicación Audiovisual e Fotografía, dedícase á serigrafía téxtil, a fotografía e a pintura mural. En 2023 publica “As alas da serpe” (Aira, 2023) o seu primeiro poemario editado, a partir do cal xorde unha performance poético-musical, coa súa voz narradora e os instrumentos de Pablo Caamiña (guitarra, zanfona, caixa de música) e Marta Seco (violín e voz).