A demolición de dúas plantas irregulares supón o inicio da promoción Ferrería,16-Elduayen, 39
Vigo, 5 de agosto do 2021.- O Comité Executivo do Consorcio Casco Vello, reunido esta mañá con carácter extraordinario baixo a presidencia de Marta Mª. Fernández-Tapias, aprobou a adxudicación das obras de demolición de dúas plantas do edificio situado en Ferrería, 16. Este edificio foi adquirido no seu día polo CCVV para a súa rehabilitación acordándose axustar o mesmo ás dimensións recoñecidas polo PEPRI Casco de Vello de Vigo, xa que a construción fora ampliada coas citadas plantas de maneira irregular. A volta ás medidas iniciais do edificio permitirá dotar dunha maior uniformidade ás edificacións desta popular vía, onde o CCVV levou a cabo un intenso labor de rehabilitación desde a súa fundación en 2005.
Esta adxudicación supón, de feito, o pistoletazo de saída para o inicio dunha nova promoción deste organismo, integrado nun 90 por cento pola Xunta de Galicia e nun dez por cento polo Concello de Vigo. Esta intervención implica actuar conxuntamente en dous edificios, o xa citado de Ferrería, 16 e o seu veciño en Elduayen, 39. Con iso conseguirase dotar dunha maior racionalidade ao proxecto, permitindo un deseño das vivendas resultantes máis axustadas ás demandas detectadas entre os candidatos á adxudicación dalgunha das vivendas promovidas polo CCVV.