A Asociación Casco Vello Alto organiza un taller de divulgación sobre os cogomelos

Vigo, 7/11/2019.– A Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello Alto poñerá en marcha esta fin de semana un novo taller de identificación de cogomelos, unha actividade cunha xa ampla tradición entre as programadas por este colectivo xa que este ano alcanza a súa sexta edición. O taller desenvolverase en varias sesións ata o próximo día 17 e para participar no mesmo é necesario formalizar a inscrición nos locais da asociación e pagar unha pequena cota.

As actividades comezarán mañá, venres 8, ás 18,00 horas nas citadas instalacións e consistirá nunha charla de iniciación á micoloxía explicando cales son as especies comestibles e as posibles confusións que poden producirse con outras prexudiciais para a saúde humana. Como nisto dos cogomelos a práctica é o máis importante, o sábado 9, a partir das 10 da mañá haberá unha saída ao monte para recoller exemplares que, xa pola tarde, a partir das catro serán analizados para aprender cales son aptas para o consumo e cales non.

O taller continuará entre semana cunha exposición da doutora en Micoloxía Marisa Castro que, o mércores 13, ás 20.00 horas, no local da asociación, falará sobre “ Etnomicoloxía no noroeste peninsular”. Esta actividade será aberta ao público e gratuíta. O venres 15 haberá unha dobre actividade, ambas as duas na mesma sede da asociación veciñal: en primeiro lugar unha exposición de distintos exemplares de cogomelos e, a partir das oito da tarde, unha conferencia da micóloga Puri Lorenzo sobre “Amanitas de Galicia”.

Cociña

O sábado 16 poderase visitar, tanto pola mañá como pola tarde, a exposición de exemplares de distintas variedades de cogomelos. Ademais, a partir das cinco da tarde haberá unha práctica sobre a preparación de cogomelos a cargo do cociñeiro Ignacio Tabarés. Esta última actividade terá un custo de 10 euros para o público en xeral e de 7 para os socios da entidade organizadora. O taller finalizará nesta sexta edición cunha nova saída ao campo para proceder a recoller exemplares de distintas especies de cogomelos, nesta ocasión dirixida polo micólogo Gabriel Pérez Torrón. Esta saída tamén é de pago. Os membros da asociación veciñal do Casco Vello pagarán cinco euros, mentres que o resto dos interesados en participar deberán pagar sete euros.

O novo Casco Vello de Vigo

Facebook

Twitter