As murallas de Vigo

Desde a Idade Media, as costas viguesas recibiron as constantes incursións de piratas procedentes do Norte de Europa, un fenómeno que dificultaba o crecemento da cidade, así coma o seu desenvolvemento económico.

Non foi ata o século XII cando ese desenvolvemento se comezou a notar, aínda que o económico era moi inferior ao de outras vilas como Baiona ou Redondela. As augas da ría de Vigo conformaban a súa riqueza, pero traían outros riscos, coma eses saqueos piratas ou os saqueos portugueses que se produciron durante a guerra de independencia de Portugal.

Foi entón cando, en 1656, Felipe IV ordenou construír as murallas de Vigo para protexer a cidade dos portugueses durante a devandita guerra.

Ordenouse construír uns baluartes que desde o Monte do Castro abrangueran San Francisco e a Pescadería, as fontes de Pracer e dos Tornos, así como o burgo de Hortas. A Muralla cerraríase na ermida de San Sebastián onde, ademais, se construiría un forte.
A Muralla carecía de foso e ía desde o Castelo de San Sebastián ata a Porta do Sol, baixaba pola rúa Carral ata A Laxe, onde bordeaba o mar ata o Berbés e ata o comezo da rúa Real. Desde aí volvía a ascender ata o Castelo de San Sebastián, formando así una pequena cidadela.

En todo ese percorrido construíronse sete portas: Falperra, Berbés, Mar, Laxe, Gamboa, Sol e Pracer.

A Muralla estivo en pé ata o século XIX, cando foi derribada a petición popular durante o reinado de Isabel II. Concretamente, en 1861 solicitouse oficialmente o derribo, alegando o estado ruinoso do vello sistema defensivo, o seu nulo valor militar e, sobre todo, que impedía a comunicación entre a vella e a nova poboación extramuros.

En abril dese mesmo ano, Isabel II autorizou ao Concello de Vigo o derribo do tramo de Muralla que ía desde a porta de Pracer ata a batería da Laxe, e tamén a parte descendente, desde a porta de Falperra ata a do Berbés. O 6 de xuño redactábase a acta de entrega da Muralla ao Concello e, cinco días máis tarde, comezaban as obras de demolición. Autorizouse que os materiais resultantes fosen aproveitados polo municipio, así como tamén se autorizou a venda dos solares que quedasen dispoñibles unha vez foran abertas as novas rúas necesarias.

 

O novo Casco Vello de Vigo

Facebook

Twitter