O CCVV inicia o proceso de adxudicación dunha vivenda na rúa Real

Vista do edificio Real 25.

Vigo, 3-09-2020.- O Consello de Administración do Consorcio Casco Vello de Vigo, reunido esta mañá baixo a presidencia de Marta Iglesias Bueno, delegada territorial en funcións da Xunta de Galicia en Vigo, aprobou a posta en marcha do proceso de adxudicación da vivenda situada na segunda planta do número 25 da rúa Real de Vigo. Para iso, de inmediato, tramitarase a oportuna solicitude ao Instituto Galego de Vivenda e Solo a fin de que se inicie o proceso de selección de adxudicatarios que poidan optar á compra desta vivenda, que conta coa cualificación de Vivenda Rematada de Protección Autonómica para Venda de Prezo Concertado .

A construción que agora se pon á venda ten unha superficie de 83,08 metros cadrados distribuídos en dous dormitorios, dous baños, salón-comedor e cociña. O prezo establecido na proposta que se presentará ao IGVS para a súa adxudicación é de 147.360,66.

 

Dereito de superficie

 O edificio que ocupa o número 25 da rúa Real foi rehabilitado polo CCVV en 2009 e sobre as tres vivendas resultantes da promoción, unha por andar, constituíronse dereitos de superficie a favor de residentes na zona que cederon propiedades na zona para facilitar a recuperación da mesma. Ao extinguirse a citada concesión na segunda planta a propiedade reverteu ao CCVV que, de acordo cos seus obxectivos fundacionais, volve ofertar para favorecer o asentamento de novos veciños.

Este proceso de adxudicación é o primeiro que levará a cabo o Consorcio Casco Vello de Vigo durante 2020; proximamente está prevista a conclusión das obras nas promocións Cruz Verde 12 e Berbés 41 que permitirán engadir 4 novas vivendas á súa oferta de novas residencias.

 

 

 

 

Facebook