O Consorcio Casco Vello de Vigo inicia o procedemento de venda de cinco novas vivendas

 

  • Tamén se adxudicaron as obras das promocións Cruz Verde 8 e Ferrería 8

 

Vigo, 2 de novembro de 2011.- O Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), organismo integrado nun noventa por cento pola Xunta de Galicia e un dez por cento polo Concello de Vigo, aprobou na reunión do  seu Consello de Administración celebrada con carácter extraordinaria  esta mañá solicitar ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) o inicio do procedemento de venda de cinco novas vivendas de protección autónomica (VPA) de prezo concertado, correspondentes ás promocións Subida ao Castelo 12 e Subida á Costa 5.

Plano das vivendas tipo dúplex da promoción Subida ao Castelo 12.

O acordo adoptado polo Consello, presidido polo Delegado da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López-Chaves, inclúe a proposta do prezo ao que se ofertarán este novas cinco vivendas  que, en todos os casos, é inferior ao máximo legal autorizado  para as VPA. 

Catro das novas residencias atópanse na promoción Subida ao Castelo 12, un proxecto  erixido sobre unha antiga edificación que debido ao seu mal estado tivo que ser demolida tras a súa adquisición polo CCVV. O resultado é  un edificio dividido en tres plantas (semisótano, planta baixa e planta alta) cun total de 325 metros cadrados construídos aos que hai que engadir 44,35 m2 de xardín e 4,30 de superficie abalconada. Dous das vivendas son tipo dúplex, distribuídas entre o semisótano e a planta baixa. A primeira delas ten unha superficie de 77,05 m2 útiles  e un prezo proposto de 125.206,25 €. A segunda conta cunha superficie útil de 75,55 m2 e un prezo proposto de 122.768,75 €.  Ambas contan cunha superficie axardinada na planta semisótano.

As outras dúas vivendas atópanse na planta superior. Unha delas ten unha superficie de 55,77 m2 útiles e o prezo proposto ao IGVS para ser ofertado aos interesados na súa adquisición é de 94.809 €. A superficie do segundo é de 55,72 m2 útiles e un prezo de venda proposto de 94.724 €.  As catro vivendas teñen acceso independente desde a planta baixa e contan con cociña-salón-comedor; baños e zona de lavadoiro e tendal.

Subida a Costa 5

Alzado da promoción Subida a Costa 5.

A quinta das vivendas que o CCVV poñerá a disposición daquelas familias interesadas en fixar a súa residencia nesta zona do barrio histórico de Vigo está situada na rúa Subida a Costa 5, moi próxima ao Centro de Notificacións dos Xulgados  e ao Concello de Vigo. O proxecto impulsado polo Consorcio recupera unha edificación de dúas plantas que anteriormente tivera un uso hostaleiro; o carácter comercial  do edificio mantense na planta baixa, en tanto que a planta superior  convértese nunha residencia de 69,11 metros cadrados útiles, distribuídos en dous dormitorios, salón-comedor-cociña, baño e lavadoiro-tendal. A vivenda caracterízase  pola súa luminosidade  e excelentes vistas sobre boa parte do casco Vello de Vigo. O prezo proposto ao IGVS para a venda desta vivenda é de 114.031,50 €.

 

Ambas as promocións atópanse na fase final da  súa construción e está previsto que poidan saír a concurso no primeiro trimestre de 2018. Para adquirir a calquera delas é necesario estar inscrito no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia e cumprir os requisitos que regulan a concesión deste tipo de vivendas.

Adxudicación de obras

Proxecto do futuro edificio en Cruz Verde 8.

Por outra banda,  nunha reunión posterior, o Comité Executivo do Consorcio Casco Vello Vigo, tamén baixo a presidencia de Ignacio López-Chaves, aprobou a adxudicación de dúas  das súas próximas promocións, Cruz Verde 8 e Ferrería 8, ás empresas Prace, Servizos e Obras e Construcións Abal respectivamente. Ambos os proxectos supoñerán un investimento próximo aos 350.000 euros e permitirán a construción de dúas vivendas unifamiliares, distribuídas en varias plantas e que contarán con tres e dous dormitorios cada unha delas.  Ambas as edificacións tiveron que ser demolidas tras a súa adquisición polo CCVV – respectando tan só as súas fachadas- debido ao seu mal estado de conservación. 

Estado actual de Ferrería 8 tras o seu baleirado.

 

 

 

 

 

Facebook