O CCVV pecha o ano coa adquisición do edificio situado no número 16 de Abeleira Menéndez

  • Está considerado como un dos edificios tradicionais máis destacados do barrio histórico vigués

  • Ao longo de 2017 o Consorcio investiu  2.000.000 € no seu labor de rehabilitación

 

Vigo, 28-12-2017   O comité executivo do Consorcio Casco Vello de Vigo ( CCVV), reunido con carácter extraordinario baixo a presidencia do delegado da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López-Chaves, aprobou esta mañá a adquisición do edificio situado no número 16 da rúa Abeleira Menéndez para, de acordo co obxectivo fixado nos seus estatutos, proceder á súa próxima rehabilitación. Trátase dun edificio distribuído en baixo e dúas plantas, situado nun solar de 68,2 metros cadrados e do que na actualidade só se conserva a fachada orientada cara a Abeleira Menéndez, pois o seu pésimo estado de conservación obrigou ao seu baleirado. A construción linda, así mesmo, polo norte, coas escaleiras que unen Abeleira Menéndez coa rúa San Sebastián; polo oeste, co edificio de notificacións dos Xulgados de Vigo e, polo sur, co número 18 de Abeleira Menéndez.

 

 Supón a oitava adquisición dun edificio por parte do CCVV –organismo creado en 2005 e integrado nun 90 por cento pola Xunta de Galicia e nun 10 por cento polo Concello de Vigo– nesta rúa da zona alta do Casco Vello, o que permitiu desde a súa fundación crear na mesma trece Vivendas de Promoción Autónomica (VPA) e cinco locais comerciais. Estas actuacións súmanse a outras moitas distribuídas por distintos puntos do ámbito de actuación fixado para este organismo rehabilitador, ata alcanzar neste momento a adquisición de 73 edificios, incluída a aprobada hoxe, e a construción de 99 vivendas e 31 locáis comerciáis. Este labor continuado ao longo dos anos supuxo un apoio definitivo á recuperación desta zona da cidade olívica, que se traduciu nun incremento da súa poboación e nun notable aumento da súa actividade comercial.

O interior do edificio tivo que ser baleirado debido ao seu mal estado de conservación.

 A recuperación de Abeleira Menéndez 16, último dos edificios en estado de ruína situados nesta rúa, ten ademáis unha significación especial ao tratarse, de acordo coa cualificación recollida na súa ficha do Plan Especial de Reforma Interior (PEPRI) Casco Vello, de “unha das construcións de tipoloxía tradicional máis fermosas do centro histórico vigués”. O citado documento eleva por tanto a nivel ALTO o seu interese arquitectónico, sinalando que se trata dunha construción “labrada en perpiaño de boa calidade, na que destacan os seus ocos de iluminación (xanelas e portasdeaire) protexidas baixo arcos escarzanos”. Tamén chama a atención sobre “a súa balconada corrida que ocupa todo o longo da fachada á altura do segundo andar”, establecendo que todas estas características, xunto a outras como os canzorros de pedra ou as carpinterías de madera, son elementos a protexer no proxecto que se presente no futuro para a súa rehabilitación. En sentido contrario, deberán ser eliminados con todo algúns elementos engadidos ao edificio orixinal que alteraron as súas dimensións iniciais e establécese a necesidade de respectar a existencia dun patio posterior, aínda recoñecendo a dificultade que iso supoñerá para o encaixe das futuras dotacións do edificio.

 

Tres adquisicións

 

 Ao longo do ano que finaliza o CCVV investiu unha cifra lixeiramente superior aos 402.000 € para a adquisición de tres edificios: Ribeira do Berbés 7, Ribeira do Berbés 41 e Abeleira Menéndez 16 que se atopan en distintas fases de elaboración dos seus proxectos de rehabilitación. Tamén se procedeu á adxudicación mediante concurso de seis novas vivendas nas promocións Ferrería 10-12 e Ferrería 45-47 e puxéronse en marcha catro novas promocións: Subida ao Castelo 12 e Subida á Costa 5, xa finalizadas e nas primeiras fases do seu concurso de adxudicación, e Ferrería 8 e Cruz Verde 8 o que, en conxunto, permitirán poñer a disposición dos veciños da cidade olívica un local comercial e sete novas vivendas, varias delas de gran superficie para facilitar a incorporación á zona de familias. Todas estas intervencións –xunto a outros traballos técnicos orientados á elaboración de proxectos de próximas rehabilitacións- supuxeron un investimento superior aos 2.000.000 €.

Facebook