O CCVV aproba a súa oitava rehabilitación na rúa Abeleira Menéndez

  • O número 16 desta popular vía contará cunha nova vivenda unifamiliar e un local comercial

 

Vigo, 21-02-2019.- O comité executivo do Consorcio Casco Vello de Vigo, reunido esta mañá con carácter extraordinario baixo a presidencia de Ignacio López-Chaves, delegado da Xunta de Galicia en Vigo, aprobou o proxecto de rehabilitación do edificio situado en Abeleira Menéndez 16, adquirido por este organismo en decembro de 2017.

Estado actual do edificio a recuperar, tras su baleirado.

O proxecto técnico foi elaborado pola arquitecta Marta Vilas Rodríguez; supoñerá un investimento de 208.632,64 que permitirá recuperar un dos edificios de maior valor histórico das situadas na zona alta do Casco Vello para dotar a esta zona dunha nova vivenda unifamiliar de 2 habitacións, que ocupará as dúas plantas superiores, e un local comercial situado na planta baixa e aberto cara a Abeleira Menéndez.

A nova promoción do CCVV realízase sobre un edificio que ocupa unha leira de 68,20 metros cadrados que, como consecuencia do seu mal estado de conservación, foi baleirado interiormente, conservándose tan só a fachada cara a Abeleira Menéndez. No seu lateral norte encostáronse unhas escaleiras para favorecer a mobilidade na zona, que constituíron un dos principais condicionantes do proxecto de recuperación. A solución proposta contempla a apertura cara a esas escaleiras, por onde se situará o acceso á vivenda, dun patio que permitirá “respirar” ao edificio e rememorará a horta coa que contaba a construción orixinal. Este patio, por cuestións de intimidade dos ocupantes da vivenda, estará pechada por unha reixa de aceiro forxado. En canto ás fachadas do edificio conservarase, como esixe o Plan Especia de Protección e Reforma Interior que rexe as intervencións no casco vello, a orientada cara a Abeleira Menéndez, en tanto que para a lateral óptase por un cerramento menos tradicional, no que o principal material será o vidro. Esta decisión xustifícase na presenza na mesma zona de dous edificios de recente construción que xa non sigen a tipoloxía tradicional na zona, a Central de Notificacións e a pinacoteca Fernández del Riego, polo que a nova fachada plántese como “arquitectura ponte” entre estes novos elementos e as edificacións anteriores. O novo edificio caracterizarase tamén por contar con dous tipos de cuberta: a dúas augas na parte principal, en tanto que o seu lateral norte contará cunha cuberta axardinada para facilitar a integración coa nova contorna que supuxo a construción das citadas escaleiras.

Desde a súa creación en 2003 o CCVV, organismo integrado nun 90 por cento pola Xunta de Galicia e nun dez por cento polo Concello de Vigo, adquiriu oito edificios na rúa Abeleira Menéndez, o que permitiu crear na mesma trece Vivendas de Promoción Autónomica ( VPA) e cinco locais comerciais aos que se pronto se sumarán os resultantes da intervención aprobada hoxe, cuxas obras se espera que comecen proximamente, para prolongarse durante doce meses.

 

Facebook