O CCVV adquire para a súa rehabilitación unha das maiores superficies construíbles na praza do Berbés

Aprobados asi mesmo os proxectos de recuperación de dous edificios  por un importe próximo aos 500.000 euros

A superficie da leira adquirida supera os 180 metros cadrados

Vigo, 8 de novembro de 2018.-  O Comité Executivo do Consorcio Casco Vello de Vigo, reunido en sesión ordinaria baixo a presidencia de Ignacio López-Chaves, delegado de la Xunta de Galicia en Vigo, aprobou esta mañá a compra da casa referenciada cos números 29 e 31 da Ribeira do Berbés, e 40 da rúa Poboadores, na que sen dúbida é unha das operacións máis importantes das acometidas por este organismo no exercicio de 2018.

 Os solares correspondentes a estes tres inmobles atopábanse xa agrupados por compras sucesivas de propietarios anteriores, constituíndo unha única leira cunha superficie de 184,88 metros cadrado, o que permitirá acometer a construción nesta popular zona da cidade viguesa de dous locais comerciais e un significativo número de vivendas de protección pública –ata sete segundo os primeiros avances do proxecto de rehabilitación manexado para esta actuación, con superficies próximas aos 90 metros cadrados para cada unha de elllas.

O mal estado das edificacións orixinais, algunha delas destinada durante algún tempo a local de restauración, forzara á súa derriba e de feito na actualidade tan só mantense en pé, polo seu valor histórico, o típico soportal da casa mariñeira da fachada que se abre cara á praza do Berbés; ao estar ambos os solares situados un a costas do outro, formando un rectángulo, e existir unha notable cota de desnivel xérase unha importante volumetría o que permitirá alcanzar unha superficie construíble de 809 metros cadrados, dos que 694 destinaranse a vivendas e 115 a actividades comerciais. 

 De acordo coas condicións que rexen calquera tipo de actuación no ámbito do Plan Especial de Reforma Interior (PEPRI) do Casco Vello de Vigo, a futura intervención deberá, en calquera caso, adaptarse á tipoloxía de vivenda propia da zona, máxime tendo en conta que a fachada orientada cara ao Berbés ten no citado documento a consideración de interes histórico alto e interese urbanístico moi alto, polo que se buscará a recuperación da imaxe orixinal do edifico a rehabilitar, respectando a distribución orixinal dos ocos das fachadas e o emprego de materiais adecuados á contorna.

 Con esta intervención refórzase a aposta que o CCVV vén realizando desde a súa constitución en 2005 para a recuperación do que sen dúbida foi o punto de arranque da vila de Vigo. Desde 2016 o Consorcio adquiriu outros tres locais na mesma zona, que se suman aos tres cedidos á Universidade de Vigo para a creación da sede urbana desta institución educativa e cuxos traballos están xa moi adiantados. Próximamente está previsto, así mesmo, o inicio das obras de acondicionamento do edificio situado no número 5 desta praza para a súa conversión en albergue de peregrinos, mercé a un convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Turismo de la Xunta e o CCVV.

Aprobación de proxectos

Por outra banda, nesta mesma reunión do Comité Executivo do CCVV, organismo integrado nun 90 por cento pola Xunta de Galicia e nun 10 por cento polo Concello de Vigo, aprobáronse os plans de rehabilitación dos edificios situados en Abeleira Menéndez 16 e en Ribeira do Berbés 41, así como o inicio dos correspondentes expedientes de adxudicación.

Estado actual de Abeleira Menéndez 16

Fachada de Berbés 41

 O primeiro deles, Abeleira Menéndez 16, foi  elaborado pola arquitecta Marta Vilas Rodríguez, que permitirá a recuperación nesta rúa da zona alta do Casco Vello dun edificio dotado de planta baixa para local comercial e unha vivenda de 101 metros cadrados útiles, que contará con dúas habitacións e que estará distribuída nas dúas plantas superiores. O importe do proxecto, cuxo inicio está previsto para 2019, é de 208.000 euros (sen ive) e contará cun prazo de execución de doce meses. 

A recuperación da vivenda situada en Ribeira do Berbés 41 (con fachada tamén á rúa San Francisco) realizarase con base a un proxecto elaborado  polo arquitecto David Vázquez García. Un orzamento de 234.371 euros (sen ive) permitirán crear nesta popular praza dúas novas vivendas unifamiliares tipo dúplex, ambas tamén con dous dormitorios e con superficies de 70 e 80 metros cadrados respectivamente. Como no caso anterior o inicio das obras prevese para 2019 e o prazo de execución será de doce meses.

Nomeamento

Así mesmo, no transcurso do Consello de Administración do CCVV, celebrado con anterioridade ao Comité Executivo, deuse conta do nomeamento de D. José Manuel González González como representante do Instituto Galego de Vivenda e Solo no CCVV, así como da súa incorporación ao Comité Executivo do mesmo.

 

 

Facebook