As ondas, case o único que permanece do Vigo que contemplaba Martin Codax¡

Imaxe dun códice medieval na que se recolle a intervención dun trobador.

Ata o próximo 4 de marzo de 2018  estará aberta no Museo do  Mar de Vigo a exposición “Ou Pergámino Vindel: Unha exposición en sete tesouros”, que reflicte a importancia da lírica medieval galega e, en concreto, desta peza, un auténtico certificado do nacemento do galego como lingua culta. 

Sen dúbida, os versos máis famosos deste  pergáminos son aqueles que o poeta Martín Codax dedica á evocación que o amado fai da súa amiga mentres contempla as ondas do Mar de Vigo.  Pero ¿como era o Vigo que inspirou esta obra cume da cultura medieval, que en boa parte coincidiría co que hoxe chamamos Casco Vello?  Que é o que permanece daquela poboación?… Para tentar aclarar esta cuestión recollemos unhas páxinas da obra “Vigo medieval” , publicada polo Instituto de Estudos Vigueses no ano 2000 e da que son autores  José Manuel Hidalgo Cuñarro, José Manuel Rodríguez Sobral e Rafael Sánchez Bargiela;  en concreto parte do seu capítulo III , que se desenvólve baixo o seguinte título: Qué e Vigo na idada media? : a inexistencia dun marco urbano?.

“Topamos pois, na Idade Media, cun Vigo enteiramente sumerxido nun horizonte rural cunha configuración física que non respondía, para nada, a que tiñan os núcleos urbanos que estaban a nacer naqueles momentos na nosa rexión (Tui, Baiona, A Guarda, Salvaterra ou mesmo Redondela) que xa contaban cunha certa continuidades urbanística e unha planimetría recoñocible nunhas rúas que eiquí descoñocemos”.

Tímpano da Igrexa de Santa María de Vigo, cuxa reprodución na Colexiata sería talvez un dos poucos elementos que Martín Codax podería recoñecer hoxe do Vigo que el coñeceu.

“O Vigo daquela carece desta continuidade urbanística, pois non sería por rúas por onde paseaba no noso poeta Martín Codax no século XIII, maquinando na súa amiga, senón por quebrados camiños. Sí podemos admitir que na freguesía que vai nuclea-lo poboamento –Santa María de Vigo– empeza a se esbozar un esquema planimétrico de carácter triangular típico das vilas costeiras como Baiona ou A Garda, na que cidade medraría paralela á costa sendo esta a base de imaxinario triángulo e crecería cara ó interior ata chegar a un vértice, onde estaría a igrexa, inda que en Vigo este esquema de crecemento vese moi limitado polas características do relevo”.

“Así pois, a freguesía de Santa María de Vigo carece da expresión mínima dun núcleo urbano en época medieval: murallas e rúas. A única mención que coñecemos de rúa aparece nun documento do Cabido da catedral tudense, de 1461, que fala da rua cerca da Laxea. O que non lle faltaba, segundo ós documentos, era herdamentos e chantados cassa es vinneas entradas e saidas… montes e fontes como se amosa nos contratos de foro que facía o mosteiro de Melón cós veciños desta parroquias en pleno século XV. Por estes contratos sabemos que dentro dos límites desta freguesía había as devesas de Vicaría e Chao– posible orixe da actual rúa homónima- e que non lonxe existiría un monte adicado ás touzas –monte de carballos-; tamén nos contratos forais fálase de casais, adicados a producción de cereal, en Paaços, Braçon e a Pedra, situados cáseque con total no actual casco vello de nosa cidade.  O aspecto rural desta freguesía complétase co feito que no Berbés, tras da Ermida de Santa Uxía, dos monxes de Melón, existise unha construcción, o celeiro, para garda-lo cereal recollido nesta aldea”.

“No tocante a tipoloxía construtiva das casas destas aldeas supoñemos respostarían o esquema típico da zona, é dicir, tiñan unha ou duas plantas, algunhas terían soportal e solaina na fachada, e polo xeral unha horta tras a casa. Tamén no ámeto da aldea habería algúns lagares, semellantes ó que lle mandaron construir, no lugar de Quinteeiro de Paçaos a Martín Fernández, en 1402, para face-lo viño, que tiñan que entregar os monxes de Santa Uxía

“ Unha aldea onde se inicia, nos últimos decenios do século XV, ó camiño cara a urbanización. Así, atopamos, na segunda metade do XV, mencións na documentación tudense a unha “casa en el atrio de Santa Maríaou “terreno para hacer casa en la veiga del  Berbés”, e tra- la destrucción do castelo do Penso, concédenselle as pedra a Diego Pazos de Pobrán para edifica-la sua casa perto da igrexia de Santa María”.

Tras caracterizar a poboación da, naqueles tempos, pequena vila , que responde o esquema arquetípico da época con predominio da influencia das clases privilexiada, clero e nobreza, sobre unha poboación de agricultores – que complementaban a súa dieta con algo de pescado pero sen ser a pesca en se unha actividade relevante- con pouca presenza de artesáns libres- a obra de Hidalgo Cuñarro, Rodríguez Sobral e Sánchez Bargiela continúa sinalando que  “ os privilexion que en 1440 concede Xoán II ás personas que veñan poba-la vila de Vigo, non fan senón acredita-lo que estamos comentando: a febleza demográfica, a inexistencia dun marco urbano… Os efectos deste privilexio real, nunha época tan turbulenta como o século XV, se nos escapan, pero é un primeiro precedente do que logo sucederá: Santa María é o polo de atracción poboacional… será nestes anos cando se inicie o emprego do termo vila ó referirse a Vigo…”.

O aquí recolleito refírese ao aspecto máis físico do Vigo medieval, pero calquera interesado nunha visión integral das orixes da nosa cidade debería consultar este sinxela pero ben trenzada publicación.

 

 

O novo Casco Vello de Vigo

Facebook

Twitter