Información institucional

O Consorcio Casco Vello de Vigo ten como principal finalidade servir de motor no proceso de rehabilitación integral do centro histórico da cidade viguesa. Polo seu carácter público e grazas á colaboración entre as administracións local e galega, pode falicitarlles aos propietarios de inmobles na área a venda dos edificios para que sexan rehabilitados e postos no mercado. Polo tanto, o consorcio encárgase especialmente da ordenación urbana do casco vello, promovendo e executando proxectos arquitectónicos modernos pero coherentes coa fisionomía do barrio. A finalidade principal dos edificios rehabilitados é o uso como vivenda social, preferentemente en aluguer, e como locais comerciais. Para o consorcio é básica a revitalización do centro histórico a todos os niveis. Por iso promove que tamén na zona se establezan organismos que dinamicen a vida cotiá. Exemplo dese interese foi o convenio de colaboración co Colexio de Rexistradores para que se localicen en catro inmobles do casco vello os novos rexistros da propiedade de Vigo.