Reservadas as cinco últimas vivendas promovidas polo CCVV

Os órganos directivos do Consorcio Casco Vello de Vigo, Consello de Administración e Comité Executivo, celebraron hoxe senllas reunións nas que se abordaron varios trámites administrativos relativos á certificación final das últimas promocións deste organismo, as situadas en Subida á Costa 5 e Subida ao Castelo 12. No transcurso destas reunións, presididas por Ignacio López-Chaves, delegado da Xunta de Galicia en Vigo, informouse así mesmo sobre o resultado da adxudicación destas dúas promocións do CCVV –organismo integrado nun 90 por cento pola Xunta de Galicia e en 10 polo Concello de Vigo- destacándose o feito de que as cinco vivendas incluídas nestas promocións foron reservadas polos primeiros beneficiados no sorteo realizado o pasado día 6 de marzo. Todos eles dispoñen agora dun prazo de 45 días para obter o financiamento para a adquisición definitiva destas residencias. No caso de que finalmente algún destes adxudicatarios non executasen a súa opción de compra a vivenda iríase ofrecendo aos outros aspirantes, segundo a orde de adxudicación establecido no citado concurso do día 6.

Subida á Costa 5 y Subida ao Castelo 12 supuxeron un investimento superior aos 500.000 euros na zona alta do barrio histórico vigués. As catro vivendas que se crearon en Subida ao Castelo 12 teñen superficies comprendidas entre os  55 e os 76 metros cadrados útiles. Distribuídas en dúas plantas, todas elas teñen acceso directo desde a rúa e dúas delas contan cun pequeno xardín posterior, en tanto que as outras teñen balcóns abertos cara á rúa que dá nome á promoción. Os prezos dos domicilios oscilan entre os 95.000 e os 125.000 euros.

En Subida á Costa 5 o Consorcio Casco Vello creou unha vivenda unifamiliar, situada na primeira planta, e un baixo comercial, rehabilitando un edificio anteriormente dedicado a usos hostaleiros; situada moi preto do centro de notificacións da Consellería de Xustiza e do Concello de Vigo, a vivenda ten unha superficie de 69 metros cadrados, conta con dous dormitorios e o prezo fixado é de 114.000 euros.

 

Facebook