O traslado da sede de APEC ao Casco Vello de Vigo levarase a cabo durante o vindeiro mes de marzo

Vigo, 6 de febreiro de 2010.- A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio do Casco Vello de Vigo, Lucía Molares, mantivo unha xuntanza co presidente da Asociación Provincial de Empresarios da Construción (APEC), Ángel Fernández Presas, quen lle comunicou a previsión do colectivo de realizar o seu traslado a súa nova sede, que se ubicará no barrio histórico vigués, durante o vindeiro mes de marzo, unha vez conten con todos os permisos correspondentes.

Os empresarios da construción adquiriron o baixo comercial situado no número 16 da rúa Real para instalar alí a súa sede coa finalidade de contribuír á dinamización e ao proceso de rexurdimento da zona antiga da cidade olívica. A compra formalizouse ante notario o pasado mes de decembro e, agora, despois de realizar os traballos de rehabilitación no inmoble propiedade do Consorcio e facerse efectiva a venda, o colectivo xa está en disposición de levar a cabo o traslado para poder comezar ao longo do mes de marzo coa súa actividade diaria.

A responsable do Goberno galego considerou esta nova moi positiva e sinalou que suporá “o primeiro sinal” do rexurdimento social do Casco Vello de Vigo xa que, ademais da rehabilitación dos inmobles, o que se precisa é unha recuperación integral do barrio, para o cal a instalación de asociacións é primordial. “A ubicación desta asociación no Casco Vello será a primeira dunha cadea de colectivos que se instalarán no barrio”, considerou Molares.

Así, á adquisición por parte do Concello de Vigo dun inmoble da rúa Chao no que se ubicará o Museo Pacheco, súmase agora a compra do baixo da rúa Real para a sede de APEC, polo que o Consorcio do Casco Vello acaba de ter uns ingresos por valor de 1,5 millóns de euros á falta dun último pago por parte da Administración local. En definitiva, a esta cantidade hai que engadir os 5,2 millóns de euros orzamentados para o ano en curso, co que o organismo local xa conta agora con preto de 7 millóns de euros para continuar coa súa labor de novas rehabilitacións e adquisición de novos inmobles. “A intención é buscar zonas conxuntas para actuar nos espazos que quedan pendentes”, explicou a presidenta do Consorcio.

Adxudicación de vivendas

Por último, Molares explicou que no próximo Consello de Administración do Consorcio establecerase a fórmula de adxudicación das primeiras vivendas rehabilitadas coas que xa conta a entidade. “Queremos que a decisión se tome con consenso e de forma unánime”, sinalou a delegada territorial, quen confiou ademais no “éxito” que terá a convocatoria.

Facebook