O presidente do CCVV destaca a calidade das novas promocións do Consorcio

 

López-Chaves lembrou aos interesados nas seis novas vivendas promovidas polo CCVV que teñen ata o 6 de marzo para inscribirse no sorteo público de adxudicación

 

14-02-17   O delegado da Xunta de Galicia en Vigo e presidente do Consorcio Casco Vello de Vigo, Ignacio López-Chaves, destacou está mañá o carácter “amable” que como zona residencial está a adquirir a zona alta do  Casco Vello vigués “grazas ao labor de rehabilitación que ao longo dos seus once anos de existencia  vén realizando  o Consorcio”. López-Chaves realizou esta valoración no transcurso dunha visita ás obras das promocións  Ferrería 10-12 e Ferrería 45-47 que acaban de iniciar o proceso administrativo para a súa adxudicación. Tras valorar a calidade alcanzada na edificación e o aproveitamento do espazo nas seis vivendas que forman parte de ambas as promocións, o presidente do  Consorcio referiuse á importancia do labor deste organismo  -integrado nun 90 por cento pola Xunta de Galicia, a través de Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), e nun dez por cento polo  Concello de Vigo-  que permitiu a rehabilitación de máis de 40 edificios e o asentamento na zona de 150 novos veciños e trinta establecementos comerciais.

O presidente do Consorcio recibiu explicacións dos responsables da obra sobres as súas características.

 

López-Chaves subliñou o feito de que estas novas promocións inclúen vivendas de dúas ou tres dormitorios, atendendo así a unha das demandas máis exposta por aquelas persoas interesadas en fixar a súa residencia no Casco Vello.

 O máximo responsable do organismo rehabilitador sinalou que a demanda das vivendas promovidas polo CCVV segue sendo moi alta e lembrou que os interesados nalgunha das seis novas vivendas que integran estas dúas promocións -e que previamente se inscribiron no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia-  teñen ata o día 6 de marzo para solicitar a súa inclusión nas listas do sorteo público que terá lugar, como nos seis concursos anteriores, na sede da delegación da Xunta en Vigo. Estímase que este proceso finalice a mediados ou finais de abril, coincidiedo practicamente coa conclusión das obras.

O presidente do Consorcio  refiriuse asi mesmo as novas rehabilitacións a cargo do CCVV, nas promocións Subida ao Castelo 12 e Subida a Costa 5, cuxas obras acaban de iniciarse e que permitirá poñer no mercado outras cinco novas vivendas.

Facebook