O CCVV aproba o proxecto para a contratación das obras de rehabilitación doutras dúas vivendas no Canellón do Estreito

  • O último Comité Executivo celebrado polo organismo deu luz verde á contratación da intervención rehabilitadora no Canellón do Estreito, número 12, por valor de máis de 200.000 euros, logo do baleirado do inmoble que se atopaba nun estado total de ruína e abandono. 
  • A previsión do Consorcio é poder adxudicar as obras antes de que finalice o ano e a partir de aí o prazo de execución é de doce meses.
  • A actuación permitirá poñer no mercado outras dúas Vivendas de Protección Autonómica (VPA) dun e dous dormitorios, cunhas superficies de 62,75 metros cadrados e 92,52 m2, respectivamente.

Vigo 31 de outubro.-  O Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) aprobou no seu último Comité Executivo o proxecto para a contratación das obras de rehabilitación doutras dúas Vivendas de Protección Autonómica (VPA) no Canellón do Estreito, número 12, por valor dun total de 215.749,38 euros, logo do baleirado do inmoble que se atopaba nun estado total de ruína e abandono no que se investiron máis de 50.000 euros (sen IVE).

A presidenta do organismo, Lucía Molares, recordou que o CCVV segue centrado na rehabilitación integral da parte alta do barrio histórico pola decadencia que acompañou a dita zona durante décadas e amosou a súa satisfacción por esta nova contratación das obras que permitirá continuar coa senda da recuperación de inmobles do casco histórico e continuar así coa chegada de novas familias. “Xa están a residir no barrio as novas familias conseguiron a súa vivenda tras as adxudicacións feitas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo, o que se traduce nun cambio do perfil das persoas que habitan dende os últimos meses no Casco Vello”, sinalou.

O proxecto básico e de execución do inmoble sito no Canellón do Estreito, número 12, que foi aprobado polo CCVV, contempla a construción de dúas VPA. O inmoble rehabilitado porá no mercado unha vivenda A de 62,75 m2 que conta cun dormitorio; e unha vivenda B de 92,52 m2 que terá dous dormitorios.

A previsión do organismo –participado nun 90% pola Xunta e nun 10% polo Concello de Vigo- é poder adxudicar as obras de rehabilitación antes de que remate o presente ano e, a partires de aí, haberá un prazo de execución de doce meses, co que a finais de 2012 xa estarán dispoñibles as novas vivendas.

Inicio obras na Ferraría Ademais, neste mes de novembro comezarán as obras de rehabilitación doutros catro edificios na rúa Ferraría, concretamente, os números 25, 27, 29 e 31. Logo da adxudicación feita polo ente a finais de setembro, a actuación prevista nesta emblemática rúa porá no mercado seis VPA e catro locais comerciais. Das seis novas VPA que resultarán da intervención, 5 delas terán 2 dormitorios e a outra será un dúplex que contará con 3 dormitorios. O CCVV inviste máis de 620.000 euros nesta actuación concreta.

Ao longo dos primeiros meses deste ano 2011, o organismo licitou novas obras por valor de máis de 3,2 millóns de euros, entre as que se atopan as obras de rehabilitación de Ferraría 25, 27, 29 e 31. Así, no entorno do Castelo de San Sebastián, na parte alta do Casco Vello, xa están en marcha distintas obras de recuperación de inmobles no cuarteirón Ferraría-San Sebastián; nos números 10-12 da rúa Hortas 10-12; e en San Sebastián 8-12-14. Isto supón a recuperación de 12 inmobles que darán lugar a 18 vivendas e 2 locais  comerciais.

Vivendas e locais comerciais Por outra parte, o CCVV acaba de adxudicar os primeiros sete locais comerciais en réxime de aluguer, e segue o proceso para a chegada de novas familias ao barrio antigo, despois de que o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) sorteara xa as primeiras 34 VPA recuperadas integramente polo organismo.

Na actualidade, 15 familias das 19 primeiras vivendas entregadas polo CCVV residen xa nos seus pisos sitos nas rúas  Abeleira Menéndez, 11; Abeleira Menéndez 13-15;  Real, 16; Santiago 11-13-15-17; e Santiago, 19. Nos vindeiros meses formalizaranse as escrituras cos adxudicatarios das outras 15 VPA que están na rúa Abeleira Menéndez 18-20; Abeleira Menéndez 24-26; e Cruz Verde, 5. Asemade, no que respecta ás 12 Vivendas de Promoción Pública (VPP) en aluguer –sitas nas rúas Ferraría e Subida ao Castelo- hai uns días celebrouse o sorteo de asignación das vivendas e os adxudicatarios poderán visitar o piso a vindeira semana. Dende ese momento contan cun mes de prazo para formalizar os seus contratos e antes de que remate o ano se procederá á entrega de chaves.

Facebook