O CCVV e o Colexio de Rexistradores da Propiedade firman o convenio para a súa instalación no barrio antigo

  • Lucía Molares e o decano do Colexio de Rexistradores da Propiedade e Mercantís de España rubricaron hoxe o acordo polo que as partes se comprometen á compravenda de catro inmobles ubicados nos números 29, 31 e 33 da rúa Real, e no número 26 da rúa Alta, co obxectivo de centralizar os Rexistros da Propiedade de Vigo no casco histórico.
  •  A venda dos catro inmobles reportará ao CCVV máis de 3,36 millóns de euros e a súa instalación na zona histórica suporá un paso importante no que a dinamización e revitalización integral se refire.
  • Os inmobles obxecto da actuación contan cunha superficie total edificable de 2.760 metros cadrados e todos eles teñen planta baixa e entre dous, tres e catro pisos.
  • Supón un punto e aparte para o rexurdir do casco histórico”, valorou a presidenta do CCVV e delegada territorial da Xunta.
  • Segundo as previsións que se marcan dende os Rexistradores, o prazo tope para o seu traslado é de 2 anos. 

Vigo, 15 de xuño.- A delegada territorial da Xunta e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Lucía Molares, e o decano do Colexio de Rexistradores da Propiedade e Mercantís de España, Alfonso Candau Pérez, formalizaron hoxe o convenio de colaboración polo que os Rexistros da Propiedade da cidade instalaranse no barrio antigo. A futura sede trasladarase a catro inmobles propiedade do CCVV situados nos números 29, 31 e 33 da rúa Real, e no número 26 da rúa Alta.

Molares, acompañada tamén polo xerente do CCVV, Alfonso Ramos, e o responsable dos Rexistros en Vigo, Julio Soler, informou esta mañá que a venda dos catro inmobles reportará ao organismo -participado nun 90 por cento pola Xunta de Galicia e nun 10 por cento polo Concello de Vigo- un total de 3.360.000 euros e que o compromiso acadado, segundo queda establecido no convenio rubricado esta mañá, é destinar os inmobles para a sede dos Rexistros da Propiedade da cidade durante polo menos dez anos.

Coma quedou acordado, resulta de interese común de ambas partes a instalación dos Rexistros da Propiedade nunha das principais arterias do Casco Vello coma é a rúa Real, na que xa está instalada a sede de APEC. A rehabilitación dos inmobles de Real 29, 31, 33 e Alta, 26 suporá unha mellora respecto das instalacións viguesas onde na actualidade prestan o servizo os Rexistradores e tamén suporá un paso importante no que a dinamización e revitalización integral do barrio histórico se refire.

A presidenta do CCVV agradeceu ao decano do Colexio dos Rexistradores o seu interese, paciencia e aposta por ubicar e unificar a sede dos Rexistros da Propiedade no Casco Vello, toda vez que tras superar varios problemas se conseguiu reformular o proxecto co obxectivo de sacar adiante esta “importante” iniciativa. “Supón un punto e aparte para o rexurdir do casco histórico”, valorou Molares. Así, a tamén delegada da Xunta lembrou que se tiveron que solventar inconvintes e modificar o proxecto con respecto ao pre-acordo inicial ata chegar “ao día de hoxe e facer efectiva esta firma”.

Inicialmente, no ano 2007, o acordo co Colexio de Rexistradores establecía a adquisición de 4 inmobles (Real, 27, 29, 31 e 33) para engadir máis tarde –no 2008- un quinto inmoble (Alta, 26). Sen embargo, co cambio na nova xunta directiva e a actual situación de crise económica fixo que se tivera que reformular o proxecto, que pasa pola eliminación dun dos inmobles (Real, 27).

Pola súa banda, o Decano do Colexio de Rexistradores da Propiedade, Alfonso Candau, felicitouse por culminar o proceso e sumarse ao proxecto iniciado polos seus antecesores no cargo a pesares da súa reformulación. “O proxecto dimensionouse adecuadamente”, sinalou. Ademais, agradeceu a comprensión do Consorcio por reprogramar o proxecto e facer efectivo o traslado dos Rexistros vigueses ao Casco Vello, o que según o seu parecer, suporá un dobre beneficio para todos os cidadáns. Por unha banda, “concentrar os Rexistros nun mesmo lugar” e, segundo, “participar na rehabilitación da zona histórica tan importante para o tecido urbano e empresarial”.

A partires de agora, e coma explicaron os propios representantes dos Rexistradores, os arquitectos encargados do proxecto deben adecualo ás características actuais “para poder iniciar a execución das obras de xeito inmediato”. Segundo as previsións que se marcan, o prazo tope para o seu traslado é de 2 anos.

Características dos inmobles. Os inmobles obxecto da actuación contan cunha superficie total edificable de 2.760 metros cadrados e todos eles teñen planta baixa e entre dous, tres e catro pisos, e mesmo incluso patios posteriores.

O edificio da rúa Real, 29 é un inmoble con planta baixa, 4 pisos e patio posterior que, segundo a normativa, conta cunha superficie edificable de 570 m2.

O número 31 da rúa Real, é unha vivenda de baixo, 2 pisos e bufarda, con patio posterior dende o que, por unhas escaleiras de pedra, se sube a outro patio que ten saída á rúa Chao. Conta cunha superficie edificable de 659 m2.

O inmoble ubicado no número 33 da rúa Real, trátase dunha vivenda de baixo, 2 pisos e, en parte, un terceiro en baixo cuberta cunha superficie edificable de 1.041 m2.

Por último, o número 26 da rúa Alta conta cunha vivenda de planta baixa, 3 pisos e patio, cunha superficie edificable de 490 m2.

O CCVV propuxo no seu día un concurso pechado que se dirimiu a favor do estudo de arquitectos de Irisarri e Piñera, e que baseou o seu proxecto no desexo de alcanzar para a sede dos Rexistros da Propiedade de Vigo unha peza con percepción unitaria que resolva a necesidade funcional dunha organización conxunta.

Figura do CCVV. O CCVV segue adiante coa recuperación integral do barrio antigo vigués. Xa ten adquiridos 44 inmobles, dos cales 15 xa están totalmente rehabilitados. Un total de 13 locais comerciais xa están dispoñibles, co obxectivo de fomentar a actividade empresarial na zona do barrio antigo, e 52 vivendas xa son habitables.

Na actualidade, o CCVV traballa na execución de 9 locais comerciais e 42 vivendas, da cales 9 están iniciadas, 15 licitadas e 18 en fase de proxecto.

 

Facebook