Once empresas optan ás novas promocións do Consorcio

30-08-2017.- Finalizados os correspondentes prazos de presentación de ofertas un total de seis empresas ,no caso de Ferrería 8, e de cinco, no caso de Cruz Verde 8, achegaron a documentación oportuna para optar á realización destas dúas novas promocións do Consorcio Casco Vello de Vigo, organismo integrado nun 90 por cento pola Xunta de Galicia e nun dez por cento polo Concello de Vigo.  Nas próximas semanas procederase á análise e valoración das ofertas presentadas para seleccionar as empresas adxudicatarias destas  promocións, que se suman ás dúas que o CCVV ten xa en marcha na actualidade nas rúas Subida a Costa 5 e Subida ao Castelo 12.

O proxecto de Ferrería 8 permitirá crear unha nova vivenda unifamiliar, cunha  superficie útil próxima aos 120 metros cadrados distribuídos en tres plantas. Contará con dous dormitorios, un baño, dous aseos, salón, lavadoiro-tendal  e, na planta inferior, un estudo. O orzamento manexado para a súa realización é de 183.265 € e o prazo de execución de doce meses. Esta nova actuación súmase as cinco xa desenvolvidas polo organismo rehabilitador do centro histórico de Vigo na que sen dúbida era unha das zonas máis degradadas do seu ámbito de actuación; as mesmas permitiron a creación nesta rúa de 24 vivendas e once locais comerciais.

Ferrería 8

No caso de Cruz Verde 8 trátase tamén dunha vivenda unifamiliar na que haberá tres dormitorios, dous baños, salón, cociña, lavadoiro-tendal  e un estudo. A superficie útil desta promoción é de 119 metros cadrados e supoñerá un investimento de 188.695 €. O Consorcio Casco Vello de Vigo realizou nesta mesma rúa unha actuación anterior que supuxo a creación de 6 vivendas e dous locais comerciais. Así mesmo, en 2016 adquiriuse o inmoble situado no número 12 no que está previsto realizar unha próxima intervención para a súa rehabilitación.

Facebook