Cinco arquitectos seleccionarán o mellor proxecto para a sede da Universidade no Casco Vello

 

Cinco profesionais , entre os que se atopa a arquitecta do Consorcio Casco Vello de Vigo, Nuria Campos, serán os responsables da elección dos mellores proxectos presentados para o deseño da futura sede da Universidade de Vigo na praza do Berbés. Ao concurso convocado pola entidade educativa foron admitidos un total de quince traballos, presentados por estudos galegos e doutros puntos de España. Os deseños que obteñan o primeiro, segundo e terceiro posto obterán un premio de 10.000, 5.000 e 2.000 euros respectivamente.

Os   integrantes do xurado serán, ademais da designada polo Consorcio Casco Vello, Antonio Davila, presidente da delegación do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, a arquitecta e urbanista Elena Maure, designada polo Concello de Vigo, María Paz Sangiao, polo Instituto Tecnolóxico de Galicia e  Javier Sánchez Fernández, arquitecto técnico que representa á unidade técnica da Universidade de Vigo.

O concurso para a redacción e dirección da obra será adxudicado por un máximo de 124.630 euros e primarase a versatilidade e a sustentabilidade do edificio, así como a súa innovación arquitectónica. Deberá considerar a eficiencia enerxética e utilizar materiais que leven o menor impacto.

 Cesión

A sede da delegación da Universidade de Vigo no centro urbano construirase en tres edificios propiedade do Consorcio Casco Vello, cedidos para tal fin mediante un convenio subscrito entre ambos organismos. Os máis de dous millóns de euros de investimento previsto para esta rehabilitación serán achegados pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia. Prévese actuar sobre  unha superficie total de 1.503 metros cadrados para xerar unha instalación que albergará aulas, espazos para congresos e exposicións, un despacho con sala de reunións para o reitor, unha oficina de atención ao alumno e mesmo unha tenda de produtos vinculados a Universidade.

A recuperación dos edificios situados nos números 11, 13 e 15 da Praza do Berbés supoñerá un importante impulso á rexeneración da fachada marítima da cidade de Vigo e á dinamización desta zona da cidade, de acordo cos obxectivos do Consorcio Casco Vello,  como sinalou o seu presidente, Ignacio López-Chaves,  durante o acto de firma do convenio de financiamento desta iniciativa, realizado o pasado 29 de abril  aos pés dos soportais que constitúen o elemento máis distintivo dos inmobles que agora se van a recuperar.

O novo Casco Vello de Vigo

Facebook

Twitter