Case sesenta ofertas optan ás vivendas que o CCVV promove na rúa Ferrería

 O interese espertado pola nova promoción de vivendas contruidas polo Consorcio Casco Vello na rúa Ferrería non pode ser cualificado doutra maneira que de sobresaliente xa que, segundo informou o Instituto Galego de Vivenda e Solo, responsable do proceso administrativo de adxudicación das mesmas, son 58 as ofertas presentadas para optar a algunha das seis vivendas ofertadas.

Estas 58 ofertas serán avaliadas a partir de agora polos departamentos correspondentes do IGVS para verificar que se adaptan aos requisitos establecidos na solicitude, e nuns días darase a coñecer a listaxe provisional de ofertas admitidas e reixetadas para abrir o correspondente prazo de reclamacións o que permitirá que, ao longo do mes de abril se se cumpren as previsións, póidase realizar o sorteo para a adxudicación definitiva das novas vivendas.

 A que será a sétima promoción do CCVV, entidade integrada nun noventa por cento pola Xunta de Galicia e nun dez polo Concello de Vigo, está composta por seis vivendas distribuídas en dous edificios situados na rúa Ferrería, na zona alta da zona histórica de Vigo. Ferrería 10-12 inclúe dúas vivendas similares situadas nas plantas primeira e segunda desta edificación, que no seu baixo conta tamén cun local comercial.

Ferrería 45-47 reune catro vivendas, unha delas tipo dúplex con tres habitacións. O baixo tamén aloxará un local comercial. As superficies das seis vivendas oscilan entre os 55 e os 109 metros cadrados, en tanto que os prezos móvense entre os 83.000 e os 175.000 €.

Facebook