A xerencia de urbanismo concede a licenza para construír a sede da Universidade de Vigo no Berbés

Vigo, 30-10-2017.-  A Xerencia de Urbanismo do Concello de Vigo acaba de conceder a licenza de obra que permitirá iniciar a rehabilitación dos edificios situados nos números 11, 13 e 15 da Praza do Berbés de Vigo para a creación da sede urbana da Universidade  de Vigo. Os tres inmobles foron cedidos polo Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) ao organismo  educativo por un prazo de 40 anos mediante un convenio de colaboración suscrito en setembro de 2014. Desde esa data púxose en marcha o procedemento administrativo que, tras obter o financiamento necesario para o proxecto grazas ao apoio da Consellería de Educación da Xunta de Galicia, permitirá acometer un dos proxectos máis importantes para a

A rehabilitación destes tres edificios é unha das principais apostas para a recuperación da contorna do Berbés.

recuperación do barrio histórico de Vigo. O procedemento, iso sí, sufriu atrasos como consecuencia da aparición de restos arqueolóxicos e problemas construtivos que demoraron a concesión da licenza. De feito, este trámite que agora se supera faise condicionado ao mantemento no futuro edificio dun muro situado no fondo dun dos inmobles para rehabilitar o que se estima podería ser un resto da antiga muralla defensiva da cidade.

1.500 metros cadrados

A nova sede da Universidade de Vigo no centro urbano exponse como un edificio multiusos no que se desenvolverán tanto tarefas administrativas como de representación e de apoio á actividade educativa. Deseñado polo estudo Abalo Alonso, o proxecto inspírase na tradicional imaxe da barcas de pesca que dominou durante séculos este barrio mariñeiro, que eran colocadas dadas a volta nos soportais que constituían o trazo arquitectónico máis recoñocible desta contorna. O novo edificio, que integra os tres cedidos polo Consorcio Casco Vello, terá unha superficie aproximada de 1.500 metros cadrados e supoñerá un investimento de 1,9 millóns de euros.  O prazo de realización das obras é de 19 meses e espérase que as mesmas comecen nas próximas semanas.

Está previsto situar no mesmo distintos servizos como un centro de linguas,  unha aula para curso de maiores, aulas de apoio e un espazo de traballo compartido.

Facebook