O número 33 da Ferrería vístese de punk e rock coa chegada de La Rocka

Unha nova aposta empresarial inicia a súa andaina na zona alta do Casco Vello. Falamos de La Rocka que chega á rúa Ferrería para quedarse ao igual que xa o fixeron Espacio Nido, Ideas de Percebe e Cal Construcciones y Servicios.

Casco Vello Vigo

Natalia Correa e Cristina Soutullo no interior de La Rocka

La Rocka non é un establecemento de roupa ao uso, senón un proxecto persoal, o de Cristina Soutullo, unha emprendedora de 26 anos que xa non concibe a súa vida sen os atractivos do seu propio estilo de vida: o punk e o rock. Pero, nesta aventura profesional non está soa, acompáñaa a súa boa amiga e tamén deseñadora de moda, Natalia Correa, de 29 anos.

Estas dúas viguesas comparten filosofía de vida e, tras coñecérense nun concerto de Bad Religion hai 3 anos, comezaron a soñar cun espazo onde encaixar os seus coñecementos e o resultado foi La Rocka.

“Eu tiven antes outros traballos que non me enchían, a xente preguntábame sempre por que vestía así, ata que un día me cansei de explicar que non se trata só dunha estética de moda, senón dunha forma de vida”, sinala Cristina, quen confesa que escoitou o seu primeiro grupo de punk canto tiña tan só 5 anos.

Casco Vello Vigo

Ángel, ‘grafiteando’ a Johnny Ramone, guitarrista de Ramones, grupo de referencia para Cristina

Precisamente, para desterrar esa falsa crenza de que o punk e o rock son só unha forma de vestir está na tenda Natalia. “A través dela (de Natalia) quero acabar tamén coas connotacións negativas que rodean, en moitas ocasións, ao mundo do punk e rock, asociado a xente marxinal e que nada ten que ver coa realidade”.

Natalia leva anos dedicándose á moda e os seus deseños exclusivos poden verse xa no local rehabilitado polo Consorcio Casco Vello de Vigo e que foi posto no mercado en réxime de aluguer. Ambas emprendedoras valoran positivamente que o organismo, que segue liderando a recuperación do barrio histórico, aplique no arrendamento un desconto do 50% ao prezo real, animando así que máis emprendedores aposten polo barrio histórico.

Casco Vello Vigo

Camisetas orixinais de La Rocka

Casco Vello Vigo

Un dos vestidos deseñados por Natalia

Casco Vello Vigo

Roupa de La Rocka

“O ambiente do Casco Vello nos últimos tempos para a miña tenda é o idóneo”, comenta Cristina quen augura “moito futuro” á parte alta da zona vella de Vigo, “onde xa se respira cultura”. Na mesma liña móstrase Natalia quen ofrecerá prendas de moda únicas e a medida.

O obxectivo común tanto de Cristina como de Natalia é que a persoa que se acerque ata La Rocka –no número 33 da Ferrería– non só adquira a súa roupa ou complementos, senón que tamén saiba “que entra na súa casa”.

Casco Vello Vigo

O mostrador de La Rocka

Casco Vello Vigo

A mesa dos deseños de moda

Desde o Consorcio Casco Vello de Vigo convidámosvos a descubrir La Rocka. Mañá, venres, día 31, a partir das 17:00 horas haberá inauguración da tenda por todo o alto cos concertos en directo de varios grupos de música locais: Pontiaks, Saldos Arias e Txuvasko Punk. A cita promete!

 

 

 

 

O novo Casco Vello de Vigo

Facebook

Twitter