Que debo facer para mercar unha vivenda rehabilitada polo Consorcio Casco Vello de Vigo?

Todas as vivendas rehabilitadas polo Consorcio Casco Vello de Vigo teñen a denominación de Vivendas de Protección Autonómica (VPA) e, polo tanto, o proceso para a súa adxudicación é público e faise a través dun SORTEO levado a cabo polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS).

O primeiro paso para acceder a ese sorteo é estar inscrito no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia no apartado de VIVENDA DE PROMOCIÓN PRIVADA DE RÉXIME CONCERTADO, na casiña de  COMPRA. Para iso, a persoa interesada deberá cubrir o modelo de solicitude normalizado e xuntar os documentos que nel se indiquen. Poderá conseguir o impreso na páxina web do IGVS. Unha vez teña toda esta documentación, deberá presentala no Rexistro da Xunta.  

O segundo paso é o sorteo e a adxudicación de vivendas. Todos os inscritos deberán estar atentos aos anuncios públicos que determinen o inicio do procedemento de adxudicación para optar a algunha destas vivendas. A apertura do procedemento de selección de adxudicatarios será debidamente publicada co obxecto de que todas as persoas inscritas no Rexistro e que estean interesadas na adquisición dunha das vivendas dispoñibles poidan solicitar a súa inclusión no sorteo dentro do prazo máximo de 15 días hábiles dende o seguinte á publicación de dita apertura. É dicir, haberá un segundo proceso no que os interesados deberán solicitar a participación no sorteo concreto das vivendas.

Se o número de solicitantes admitidos non é superior ao número de vivendas ofertadas, as que queden vacantes poderán adxudicarse directamente (esta é a segunda das formas de acceder a unha vivenda rehabilitada e da que vos falaremos máis adiante).

O terceiro paso é a acreditación de que se cumpren os requisitos para acceder á vivenda solicitada. Requisitos que podedes ver aquí.

O cuarto e último paso é a adxudicación definitiva e sinatura do contrato. Unha vez realizado o sorteo e confeccionada a lista, procederase á publicación da relación de adxudicatarios definitivos e dos que quedan en reserva co seu número de orde na páxina web do IGVS. Ditos adxudicatarios disporán dun prazo de 45 días naturais desde a recepción da notificación para perfeccionar o contrato.

Pero, como xa vos dixemos, existe outra forma de acceder a esas vivendas, e é a través de ADXUDICACIÓN DIRECTA.

Unha vez realizado o sorteo, e se quedan algunhas vivendas vacantes, estas poderán adxudicarse directamente sen ter que pasar de novo por un sorteo público. As persoas interesadas en acceder a estas vivendas deberán estar inscritas igualmente no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda.

Casco Vello

 

O novo Casco Vello de Vigo

Facebook

Twitter