A fortaleza do Castro

En plena guerra con Portugal pola súa independencia, en Vigo comezouse a construír a fortaleza do Castro. Era o ano 1656 e a cidade necesitaba resgardarse dos ataques dos piratas ingleses e portugueses.

imagen post castro

 

O Parque do Castro foi o lugar onde se comezou a construír a súa fortaleza, punto de orixe de Vigo, lugar onde se asentaron os primeiros poboadores da cidade. O artífice da fortaleza do Castro foi o Capitán Xeral de Galicia, o italiano Vicente Gonzaga Doria e as obras estiveron financiadas pola vila de Vigo e as arcas reais.

Case dez anos despois do comezo da súa construción, en 1665, terminábase o primeiro recinto, de trazado irregular porque estaba adaptado á forma do monte. Estas obras realizáronse ao mesmo tempo cas murallas e o Castelo de San Sebastián. Todas tiñan en común un obxectivo: defender a cidade dos ataques dos piratas ingleses e portugueses durante a guerra de independencia de Portugal.

Os ingleses conseguiron destruír esta fortaleza nunha das múltiples batallas que se levaron a cabo na cidade e, aínda que foi reparada, en 1809 as tropas francesas volven danala na Reconquista da cidade.

Pero a fortaleza do Castro seguiu en pé e foi utilizada como posición militar ata finais do século XX. En 1964 o Exército Español cedeu o Castelo ao Concello de Vigo.

Dise que desde a fortaleza partían varios túneles que comunicaban con distintos puntos da cidade, coma o Castelo de San Sebastián ou o Casco Vello.

En 1968 catalógase a fortaleza no Inventario do Patrimonio Cultural Europeo como Monumento de Arquitectura Militar e actualmente atópase baixo a protección da Declaración xenérica do Decreto de 22 de abril de 1949, e a Lei 16/1985 sobre o Patrimonio Histórico Español.

 

 

O novo Casco Vello de Vigo

Facebook

Twitter