As praias de Vigo

Vigo conta con moitos atractivos turísticos: desde prazas a museos, pasando por barrios con encanto coma o Casco Vello. Pero se nos centramos nos atractivos naturais, as praias gañan por goleada.

Praias de area branca e fina, auga transparente e con opcións para todos os gustos (familiares, salvaxes, nudistas,…). A súa calidade déixase notar, xa que este ano foron 9 os areais distinguidos coa bandeira azul.

Grazas a Turismo de Vigo imos facer un percorrido por unha gran selección xenérica das praias de Vigo, sen rexirnos polas bandeiras:

Praia de A Fontaíña

Máis coñecida como “la Sirenita”, é unha das praias máis resgardadas. As súas augas destacan pola súa limpeza e a súa area é branca e fina. É un areal accesible, con pasarelas de madeira que chegan ata a area. Ademais, aínda que non sexa unha praia nudista en si mesma, si é un areal tolerante onde se pode practicar. Ideal para ir en familia ou en parella.

Praia de Fortiñón

Tamén coñecida como praia de Saiáns, é un areal moi animado, no que se pode practicar nudismo. Con 150 metros de largo por 30 de ancho, é unha das praias máis fermosas de Vigo, cunha beleza natural e salvaxe.

Praia do Adro

Situado en pleno barrio de Bouzas, o areal é de area branca e está rodeada polo paseo marítimo, que o bordea desde a estrada principal e a travesía de Bouzas. É unha praia familiar que conta con moitas opcións, ao poder combinar un día de praia co turismo mariñeiro.

Praia do Baluarte

Está situada entre os areais de O Vao e A Fontaíña e destaca polo pequeno que é: tan só 120 m de largo por 45 de ancho. Distínguese por ser moi discreta e, aínda que non sexa unha praia nudista exclusivamente, hai un ambiente tolerante que permite esta práctica. Pero, se preguntades por ela, quizáis non obteñades resposta ata que preguntedes pola “praia do Breadouro”, bar desde o que se pode acceder ao areal e que terminou por poñerlle nome.

Praia do Vao

Unha das praias máis coñecidas en Vigo, é unha perfecta opción para os mozos. O Vao ten unha area moi fina, e pódese gozar dela tanto no verán coma no inverno. Conta cun paseo para camiñar xunto a praia, un aparcadoiro, campos de fútbol, duchas, servicios e bar, polo que é un areal cunha listaxe de servizos realmente completa.

Praia de Samil

É a praia familiar máis famosa de Vigo, e a máis grande: 1 km de largo e 15 m de ancho. Ideal para pasar o día en familia e con nenos: é a máis animada durante todo o ano e conta cun enorme equipamento que a fai moi atractiva: tres piscinas, pista de patinaxe, aparcadoiro gratuito, restaurantes, cafeterías,…

Praia de Toralla

É a única que mira ao sur de todas as praias de Vigo, e está situada na illa privada homónima. Está partida en dous pola ponte que da acceso á illa. É unha praia moi tranquila, perfecta para una escapada en parella. Iso si, recorda que á illa tan só poden acceder en coche os residentes, polo que se queres visitar a praia terás que deixar o coche, por exemplo, na praia do Vao, ao outro lado da ponte.

Praias de A Sobreira e O Xunqueiro

Son pequenos areais situados en Cabo Estai, nunha zona residencial. Ambas son praias de ambiente relaxado, con fácil acceso, aparcadoiro e ideais para o mergullo.

Praias do Cocho e Mourisca

Estes areais destacan pola súa auga transparente e a area fina e álzanse como ideais para pasar un día de praia con nenos. Ambas flanquean o Museo do Mar, o que aumenta a oferta de ocio nesta zona.

O novo Casco Vello de Vigo

Facebook

Twitter