Rehabilitación de inmobles nas rúas San Sebastián 4/6 e Subida ao Castelo 5/7. Vigo

Por Javier Franco e Vicente Pintos. Arquitectos.

O proxecto desenvolve a intervención a través de 4 edificios situados sobre 4 parcelas (San Sebastián 4 e 6, Subida ao Castelo 5 e 7), cunha superficie total de 710m2. Desta superficie total, destínase parte á creación, no interior do cuarteirón, dun espazo verde arborado duns 425 m² de superficie e de carácter comunitario, organizado en dous niveis e que conta con acceso peonil dende tódalas vivendas deseñadas.

Casco Vello Vigo

Dous tramos de escaleiras permiten a conexión entre os distintos planos e un percorrido completo do espazo, incluíndo un acceso dende a Rúa Hortas.Igualmente, pequenas pasarelas dispostas dende as escaleiras comúns permiten a conexión entre o espazo verde interior e os edificios construídos. O primeiro que se fixo foi a construción dese pequeno xardín interior de carácter privativo do cuarteirón e mantido polos propietarios das vivendas.

Casco Vello Vigo

En canto ao propio proxecto de rehabilitación na Rúa San Sebastián 4 e 6 e na Rúa Subida ao Castelo 5 e 7, promovido polo Consorcio do Casco Vello de Vigo, foi declarado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo da Xunta de Galicia como de “Innovación tipolóxico-construtiva”, e polo tanto excepcionado de forma completa do cumprimento da Normativa de Habitabilidade, dito doutra forma, se permitiu incorporar diversas técnicas de construción e formas de organización do espazo que posibilitan o resultado final.

As vivendas proxéctanse baixo o criterio da súa construción a través de elementos estruturais internos de menor peso e sección que os habituais, incrementando o número destes e dotándoos de funcións de organización do espazo das vivendas, de tal forma que unha vez construídos estes elementos (escaleiras comúns e estruturas horizontais e verticais) os espazos poidan ser usados de diversas formas. Na construción empregouse una solución mixta metal-madeira nos pilares e vigas interiores mediante seccións normalizadas de madeira laminada xunto coa utilización de perfís en “T” de aceiro. Nos pisos horizontais empregáronse taboleiros acabados en fresno e dobres rastreis cruzados nos que se aloxan as instalación e os illamentos térmicos e acústicos, remátanse superiormente con tarimas de fresno.

Casco Vello Vigo

A posición dos núcleos de escaleiras realízase para facilitar o aceso dende calquera vivenda ao espazo verde interior do cuarteirón. Isto leva á organización interna das vivendas en bandas funcionais que xeralmente se agrupan en escaleiras-cociñas-baños ou baños-cociñas-dormitorios. As vivendas desenroladas en parcelas estreitas (Rúa San Sebastián) dótanse de espazos abertos a ambas fachadas, evitando a distribución habitual dun “diante” e un “detrás” con escaleiras e baños na zona intermedia.

Casco Vello Vigo

Esta organización interior realízase a través da unificación do que sería a tabiquería e o espazo de almacenaxe nun único elemento dotado de mobilidade e fabricado en serie. Estes elementos deséñanse para ser válidos nas diversas funcións que se lle demandan (portas de paso, almacenaxe de roupa, almacenaxe de utensilios de cociña e baño, apoio en salas de estar, pequenos trasteiros nos portais e espazo de almacenaxe para os locais comerciais). Os ubicados nos pisos pódense mover sobre rodas e inmobilizalos con frenos e polo tanto permiten variar un pouco a configuración da vivenda aos propietarios.

Casco Vello Vigo

O resultado final son dez vivendas duns 60m2 de superficie media e dous locais duns 35m2 cada un. Vivendas de uso flexible, construídas con materiais e técnicas actuais, dotadas do mobiliario de cociña para evitar ter que realizar mais obras no interior; vivendas con suficiente espazo de almacenaxe xa de partida, con suficiente luz natural, mecanismos de ventilación cruzada e de control da radiación solar nas fachadas que así o necesitan (xardín interior), dotadas igualmente de toda a iluminación artificial necesaria, realizadas en construción “en seco”, con acabados en madeiras claras tratadas con lasures.

Por último, sinalar que todas elas comparten a centralización das instalacións de calefacción, auga quente, electricidade e telecomunicacións, facilitando un mellor rendemento e abaratamento no mantemento das mesmas.

Os locais comerciais trátanse no mesmo sentido, entréganse acabados e listos para empezar as actividades ás que están destinados, incorporan espazo de almacenaxe xa de partida, un pequeno aseo e tódalas instalacións necesarias completamente acabadas.

As seguintes fotografías corresponden ao resultado final.

Casco Vello Vigo

Exterior e portais da rehabilitación de San Sebastián 4 e 6.

Casco Vello Vigo

Casco Vello Vigo

Interior do patio do cuarteirón da rehabilitación de San Sebastián 4 e 6 e Subida ao Castelo 5 e 7.

Casco Vello Vigo

Locais comerciais na rehabilitación de San Sebastián 4 e 6.

Casco Vello Vigo

Locais comerciais na rehabilitación de San Sebastián 4 e 6.

Casco Vello Vigo

Vivendas na rehabilitación de San Sebastián 4 e 6.

Casco Vello Vigo

Edificio de vivendas na Rúa Subida ao Castelo 5 e 7.

Casco Vello Vigo

Interior das vivendas na Rúa Subida ao Castelo 5 e 7.

Casco Vello Vigo

Interior das vivendas na Rúa Subida ao Castelo 5 e 7.

 

 

O novo Casco Vello de Vigo

Facebook

Twitter