A volta a casa dun sobrevivente

Unha réplica do tímpano de Santa María de Vigo inaugurarase a próxima semana

 

Orixinal da peza exposta no Museo de Pontevedra

Un importante testemuño artístico do Vigo primigenio, aínda que sexa en forma de copia, volve ocupar o seu lugar prominente no Corazón do Casco Vello: a próxima semana está prevista a inauguración oficial da réplica do tímpano da igrexa de Santa María na cidade olívica.

Aínda que a súa datación está sometida a debate, durante varios séculos esta peza coroou a entrada ao templo máis importante da cidade, e foi unha das poucas que se salvou da destrución provocada a principios do século XIX pola explosión da polvoreira do castelo de San Sebastián. Por cuestións de conservación esta obra  acabou nos fondos do Museo de Pontevedra, nun proceso similar ao vivido por outras importantes representacións pétreas de templos de Vigo, que hoxe poden ser contempladas no Museo Arqueolóxico Nacional,  en Madrid.

Hai uns anos o párroco da erroneamente chamada Colexiata de Vigo solicitou a realización dunha réplica do tímpano, da que se encargou a escola de Canteiros da Deputación de Pontevedra, organismo que correu cos gastos de produción e instalación da obra.

O tímpano, que algúns expertos consideran románico, en tanto que outros a datan como obra do século XV e por tanto máis próxima ao gótico, presenta como singularidade a representación nunha soa superficie de dúas escenas bíblicas: a Anunciación á Virxe e a Adoración dos Magos. Considerada como unha das últimas obras dos talleres de canteiros galegos xurdidos como consecuencia da construción da Catedral de Santiago, a influencia do modelo do Mestre Mateo é recoñecida polos estudiosos deste período, en detalles como por exemplo as cabezas dos tres cabalos dos Reis Meigos no lado dereito do tímpano.

A réplica pesa máis de dúas toneladas, requiriu mais 600 horas de traballo de cantería e realizouse a base de pura observación, sen recorrer a procedementos máis modernos, pero máis complexos. Colocarase nunha parede, sobre a porta que dá acceso ao baptisterio da Colexiata. As dimensións do orixinal, 2,64 metros de ancho e 1,35 de alto, proba da importancia do templo que a albergou orixinalmente, son lixeiramente inferiores na reprodución que se inaugurará o vindeiro martes, para evitar confusións co orixinal.

O novo Casco Vello de Vigo

Facebook

Twitter